Pese a que poida parecer que a día de hoxe todo xira en torno á pandemia do Coronavirus que nos ten pechados nas nosas casas, o certo é que hai moitas cousas que non se paran, e que non poden parar. En Galicia, os hospitais precisan preto de 500 doazóns de sangue diarias para poder continuar atendendo aos doentes con normalidade. Intervencións cirúrxicas, persoas con cancro, anemia ou leucemia, transplantes de órganos… pero tamén accidentes de tráfico ou laborais e outras moitas emerxencias, case 3.000, que chegan ás salas de urxencias cada xornada.
O sangue é un ben que non pode fabricarse, e que só se obtén por medio das doazóns de persoas altruístas que queren aportar o seu gran de area para mellorar a saúde e as condicións de vida de todos. Nestes tempos difíciles a solidariedade da cidadanía e de entidades como a nosa é máis importante ca nunca, e por iso, durante toda a xornada de hoxe e de mañá en Area Central (Santiago de Compostela) acolleremos á Unidade Móbil de Doazón de Sangue, que estará fronte á cabina de información (escaleira de acceso a Alcampo) de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas.
Acudir a doar sangue é unha das actividades permitidas para poder saír da casa durante o período de corentena, e para facelo só e preciso ser maior de idade, pesar máis de 50 quilos e non ter padecido enfermidades que se transmiten polo sangue, como VIH ou hepatite. Ademais, nestes momento é importante non achegarse á Unidade Móbil se se presentan algúns dos síntomas do Coronavirus (febre alta, tose ou dificultade respiratoria), se se tivo ou puido ter contacto con algún persoa contaxiada polo virus, ou se se viaxou a algunha das zonas de risco nacionais ou internacionais que poden atoparse na páxina web coronavirus.sergas.gal. De ser algún destes o caso, as autoridades sanitarias aconsellan chamar ao teléfono 900 400 116 e, por motivos de seguridade, deixar a doazón para o futuro.
Aínda estando inmersos nesta crise sanitaria do Coronavirus, máis de 5.000 doentes dependen a túa achega para poder mellorar as súas condicións de vida ou regresar sans canto antes ás súas casas. Doar sangue salva vidas: hoxe máis ca nunca, agardamos verte en Área Central!