Saltar ao contido

Área Central

Pitapán, un novo obradoiro de cociña para nenos en Área Central

  • Novas

Pitapán, un novo obradoiro de cociña para nenos en Área Central

Coñeces a algún cativo ou cativa apaixonado polo mundo da cociña? Aos teus pequenos encántalles poñerse mans á masa e elaborar as súas propias comidas e sobremesas? Entón, estás de sorte: o sábado 26 de marzo comeza en Área CentralPitapán”, un obradoiro de cociña para nenos e nenas de 7 a 14 anos organizado pola empresa de animación Vivo Eventos, no que os cativos da casa poderán poñerse o mandil e o gorro de chefs, experimentar entre fogóns e aprender de xeito divertido novas receitas.

A actividade, que terá lugar nun set de cociña instalado especialmente para a ocasión na esquina vermella do noso espazo comercial, terá lugar os últimos sábados de mes: 26 de marzo, 30 de abril, 28 de maio e 25 de xuño. Terá un custo de 10 euros por cativo, que se reducirá a 8 euros para os segundos irmáns e as familias numerosas, no que están incluídos todos os materiais precisos para que os nenos poidan pasar un rato entretido na cociña. Ademais as entradas tamén terán un custe de 8 euros para as familias que presente un ou varios tickets de compra, realizadas en Área Central na mesma semana na que se celebra a actividade, sempre que teñan un importe superior a 20 euros.

Cada sábado haberá dúas quendas dunha hora, de 18:00 a 19:00 horas e de 19:00 a 20:00 horas, e debido ao espazo limitado das cociñas o número de asistentes estará aberto a un máximo de 20 nenos de cada vez. Por iso, se queres que os teus pequenos participen en Pitapán, o mellor é reservar praza canto antes: podes facelo directamente no local de Vivo Eventos, situado na zona amarela de Área Central, onde tamén se efectuará o pago da actividade.

Pero ademais, temos unha boa nova: a primeira xornada de Pitapán será gratuíta para toda a cativada que se inscriba e queira demostrar as súas dotes no mundo culinario. Non deixes escapar esta oportunidade!

Se precisas máis información, achégate ao local de Vivo Eventos ou contacta con eles no teléfono 644 634 105. Esperamos vervos a todos alí!