Saltar ao contido

Área Central

Open España de Breaking 1VS1 Santiago Street Battles, sábado 26 en Área Central

O sábado 26 de setembro entre as 11:00 e as 21:00 horas non fagas plans, xa que en Área Central temos o mellor. O noso escenario acolle “SANTIAGO STREET BATTLES”, Campionato Open España de Breaking na modalidade 1VS1, evento organizado pola asociación de cultura urbana Vella Escola e financiado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Nel daranse cita mozos e mozas de toda Galicia, de outros puntos da península, de Europa, do norte de África e de Sudamérica.

Este campionato aspira a converterse nun evento referente que ofreza a posibilidade de crecemento e proxección, nacional e internacional, do talento galego nesta disciplina que será olímpica dentro de 4 anos nos Xogos Olímpicos de París 2024. Para tal efecto, a competición será a primeira en ser puntuable para o ranking do circuíto nacional da Federación Española de Baile Deportivo onde está inscrita esta especialidade.

No campionato “Santiago Street Battles”  podes participar se tes entre 16 e 35 anos na categoría ABSOLUTA ou na categoría KIDS se tes menos de 16. Para facelo so tes que apuntarte en www.vellaescola.com/santiagoSB antes do 23 de setembro as 23:59 horas.

O día do campionato, de 11.00 a 14.00 horas celebrarase o campionato da categoría KIDS e xa pola tarde, de 16.00 a 20.30 horas, será o turno da categoría ABSOLUTA.

Non o penses máis e apunta esta cita connosco na túa axenda!