Saltar ao contido

Área Central

O gran evento de rallyslot de Galicia, en Área Central

Área Central será a sede do Open Camiño de Santiago. É o gran evento de Rallyslot en Galicia. A cita será durante tres días, desde o venres 23 ao domingo 25 de maio.

Este primeiro Open galego é o resultado da unión de seis clubes de slot de toda Galicia. Estes son: Muíña Slot, Club Scalextric Ferrolterra, Clube Slot Luces, Mangallo Slot, Mosslot e Slot Club Porriño. Os seis clubes están na organización deste evento de referencia a nivel autonómico.

Durante estes tres días, un centenar de pilotos competirán en dez tramos Ninco, con cronometraxe individual. Seguirán o regulamente oficial RNR e haberá diversas categorías en xogo, desde vehículos preparados ata coches en serie. A gran final incluirá aos cincuenta máis rápidos.

Que é o slot?

O slot é unha disciplina que simula tramos de rally con coches en miniatura. É unha evolución do clásico Scalextric da infancia, pero cun enfoque moito máis técnico e competitivo. A base é a mesma xa que os coches en miniatura circulan por unha pista eléctrica pero no slot se empregan vehículos mellor preparados, cronometraxe, etc.

O slot é unha afeccón que combina precisión técnica, habilidade e velocidade. Os participantes manexan coches en miniatura (1:32) que corren sobre pistas cunha ranura que fai de guía e de toma de corrente.

No Rallyslot, os coches compiten un a un contra o cronómetro en tramos que simulan camiños de rally, con curvas, desniveis, etc. É unha modalidade que esixe reflexos, concentración e posta a punto do coche.

Para poder levar a cabo esta competición, esta cita conta como patrocinadores algunhas das principais marcas de slot a nivel nacional e internacional: Scaleauto, Sloting Plus, NSR, Actual Slot, Evotec, JT Racing, AMR e Workd Slot Drivers.

Máis eventos de motor

Ademais deste torneo, o Outlet Área Central acollerá tamén en maio outro evento vinculado ao motor. Será o sábado 31 de maio e se chama Fastlife Expo Motor. Será unha exposición de vehículos clásicos e contemporáneos que representará as distintas tendencias e subculturas no mundo do motor. Veremos exemplares orientados a preservar o estado orixinal do vehículo ou aqueles que modifican a súa estética e as súas prestacións.

A mostra de vehículos de competición, coches clásicos e contemporáneos complementarase con espectáculos de vinilado e de mantemento de pinturas e elementos do automóbil.

Os motores son os protagonistas das actividades de maio no Outlet Área Central. Se queres estar ao tanto de todas as actividades que estamos organizando, entra na nosa sección de Eventos e non te perderás nada.