Área Central acolle dende hoxe a mostra ‘O Camiño, a vista de Playmobil’

Área Central acolle dende hoxe a mostra ‘O Camiño, a vista de Playmobil’

A esquina vermella de Área Central loce desde esta mañá unha orixinal representación do fenómeno xacobeo. O Camiño, a vista de Playmobil é o nome desta mostra desenvolvida en colaboración coa delegación galega da Asociación Española de Coleccionistas destas figuras (Aesclick). Trátase dunha proposta que, sen dúbida, chamará a túa atención e, especialmente, a dos máis pequenos da casa.

“Con esta iniciativa buscamos achegar, xunto con Aesclick, ás familias, aos turistas e especialmente aos peregrinos unha perspectiva diferente do Camiño de Santiago, así como a historia, cultura e mitos que existen ao redor de el”, indica o xerente de Área Central, Javier Suárez-Vence. “As persoas que se acheguen ao noso centro comercial dende hoxe poderán deixarse levar pola maxia dos clicks de Playmobil, que lles mostrarán os principais puntos de referencia do itinerario xacobeo máis percorrido, así como outras temáticas relacionadas coas peregrinacións a Compostela”, engade.

Máis de 10.000 pezas

Esta recreación está composta por máis de 10.000 pezas e a súa posta en marcha requiriu 5 meses para a súa elaboración. “Ademais, traballamos durante esta fin de semana para ter todo listo para hoxe. Colaboraron unha vintena de asociados de Aesclick procedentes de distintos puntos de Galicia”, explica Paco Raigón, coordinador desta exposición e representante de Aesclick.

Un esforzo que xa está a cultivar grandes éxitos entre o público. A exposición está a causar gran expectación entre grandes e pequenos. A coidada elaboración e disposición dos elementos fan desta mostra unha adecuada fonte de coñecemento para afeccionados e profanos tanto no fenómeno xacobeo como no mundo dos clicks.

Non en balde, O Camiño, a vista de Playmobil conta co respaldo bibliográfico do Arquivo da Catedral de Santiago. “Utilizamos a súa documentación para realizar esta recreación. De feito, a mostra complétase cun texto explicativo sobre a tradición xacobea elaborado por esta entidade”, concreta Raigón.

O Camiño, a vista de Playmobil inclúe un diorama de 48 metros cadrados e divídese en tres zonas:

  • A primeira delas, que ocupa 24 m2, e correspóndese co Camiño Francés actual ao seu paso por Galicia. Nesta sección póñense tamén en valor distintos aspectos como a súa riqueza cultural, natural, patrimonial, etnográfica e gastronómica a través da representación de diferentes elementos como as pallozas de Pedrafita, a elaboración de queixo en Arzúa ou o icónico Monte do Gozo.
  • A segunda área, que ocupa 16 m2, traslada aos visitantes ao Santiago medieval, epicentro das peregrinacións. Entre os aspectos atoparanse, destaca a antiga Catedral Románica, así como a representación de distintos oficios tradicionais da época.
  • Con 8 metros cadrados de superficie, a última zona do diorama, pon en valor a Lenda Xacobea. A Translación dos restos do Apóstolo Santiago desde Xerusalén a Galicia centran esta última sección na que non faltan as alusións á barca de pedra, Padrón, a Raíña Lupa e o Pico Sacro ou o propio descubrimento da tumba.

‘Convidados’ sorpresa

Ademais, e co fin de espertar a curiosidade dos visitantes, desde Aesclick incluíron dentro desta completa representación distintos convidados sorpresa. “Queremos que o público se anime a buscar aos personaxes que non encaixan, para nada, coa temática que nos ocupa”, explica Paco Raigón.

O Camiño, a vista de Playmobil está apoiada pola Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, o Xacobeo 21-22, o Concello de Santiago, o Consorcio de Santiago e o Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago.