Dúas xornadas lúdicas e un sorteo de un gran escaparate de agasallos centran a programación do 25º aniversario de Area Central

Posted By on Oct 15, 2018 | 0 comments


Este mércores Area Central celebra un acto que botará a vista atrás sobre o que supuxo a inauguración do edificio. Tamén será o momento de falar do presente e dos novos proxectos. Está prevista a asistencia do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a directora xeral de Comercio, Sol Mª Vázquez

Desde o martes 16 ao xoves 25 os establecementos comerciais adheridos á promoción repartirán os boletos aos seus clientes para participar no sorteo dun gran escaparate de agasallos

A primeira das xornadas lúdicas será o sábado 20, mañá e tarde, con múltiples actividades para a familia

O sábado 27 Area Central convida aos visitantes á súa tarta de cumpreanos, ao espectáculo Radio BuleBule de Paco Nogueiras e á actuación do mago Román. A xornada concluirá co sorteo para saber o gañador do escaparate de agasallos. 

Area Central prepárase estes días para celebrar o seu 25º aniversario con varios actos que mesturarán o aspecto institucional co puramente lúdico, traducido esto en dúas xornadas de actividades para o público familiar e o sorteo dun escaparate de agasallos entre os seus clientes.

As accións conmemorativas do 25º aniversario comezarán cun acto institucional este mércores 17, ás 20.00 horas, co que Area Central pretende facer fincapé na importancia e o revulsivo no sector comercial da cidade que supuxo a súa inauguración en 1993 en boca do primeiro xerente de Area Central, José Andrés Higueras, así como os cambios que provocou nos hábitos de consumo das persoas que viñan realizar as súas compras desde todos os puntos de Galicia.

Coas intervencións do presidente da comunidade de propietarios que rexe Area Central, Javier Suárez-Vence Santiso, e do xerente, Javier Suárez-Vence Cabanillas, falarase do papel fundamental que segue tendo Area Central hoxe en día no tecido comercial da cidade e adiantaranse novos proxextos que proximamente verán a luz. 

Ao acto asistirán, entre outros convidados, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a directora xeral de Comercio, Sol Mª Vázquez, quen tamén ofrecerán unhas palabras. A presentación correrá a cargo da actriz e presentadora María Mera, actualmente recoñecida no panorama audiovisual galego e quen realizou as súas primeiras incursións no mundo da imaxe a través de Area Central.

Escaparate de agasallos e actividades para as familias

No apartado puramente lúdico, desde este martes 16 e ata o xoves 25 os establecementos comerciais de Area Central adscritos a esta promoción repartirán aos seus clientes, independentemente do valor da compra, os boletos para participar no sorteo dun gran escaparate de agasallos, conformado polas diferentes aportacións dos comercios de Area Central. Os clientes deberán cubrir todos os campos do boleto para dar por válida a súa participación e depositalo en calquera das urnas expostas que poderán atopar nos comercios de Area Central participantes nesta promoción. O xoves 25 as tendas finalizarán o reparto dos boletos e se retirarán as urnas dos comercios.

sábado 20 de outubro, en horario de 11.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 21.00 h, será a primeira xornada lúdica conmemorativa do 25º aniversario de Area Central. Durante oito horas, os pasillos de Area Central contarán cunha amplia variedade de actividades pensadas para o público familiar: xogos e obradoiros varios, inchables, fotomatón, stand de flocos de millo e algodón de azucre, pista de radiocontrol, videoxogos, etc. Toda a oferta de actividades será de balde para todos os rapaces que se acheguen ese día a disfrutar do cumpreanos de Area Central.

sábado 27 de outubro será a última das xornadas festivas e servirá de colofón do aniversario de Area Central. A xornada comezará a partir das 17.30 horas co reparto da tarta de cumpreanos entre todos os visitantes que queiran ata rematala. A partir das 18.00 horas, o músico Paco Nogueiras trae ao escenario principal de Area Central o seu espectáculo musical Radio Bulebule baseado no libro CD-DVD Radio Bulebule, editado por Kalandraka. Editora na que se combinan cancións e interpretacións cos rexistros máis divertidos.

A partir das 19.30 horas será o turno do espectáculo de maxia a cargo do mago Ramón García, altamente recoñecido no sector da maxia en Galicia, que deixará a todos os visitantes boquiabertos cos seus trucos de maxia.

Tras a finalización do seu espectáculo e como broche final, terá lugar a celebración do sorteo do escaparate de agasallos entre todos os boletos recollidos entre o martes 16 e o xoves 25 de outubro. O sorteo será presencial: de tal xeito que a organización extraerá un boleto e dirá o nome do gañador. Así, ata sacar un máximo de dez posibles gañadores. A primeira persoa dos nomeados que se presente no escenario co seu DNI será a afortunada en levarse o escaparate de agasallos ao completo. No caso de non presentarse ningunha das dez persoas nese momento, o luns 29 a organización porase en contacto coa persoa cuxo boleto saira de primeiro o sábado. No caso de que a organización non a dea localizada ou ésta renuncie ao premio, a organización chamará por rigurosa orde de extración. Consulta as bases completas no noso Facebook.

Envía un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Uso de cookies

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario.Se continúa coa navegación está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Clique no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies